lunes, 12 de noviembre de 2012

Nova edición de Terractiva en Arzúa.


MALIA OS RECORTES ORZAMENTARIOS

Arzúa aposta un ano máis pola maior feira ecolóxica de Galicia

Os días 17 e 18 de novembro celebrarase en Arzúa unha nova edición da maior feira ecolóxica de Galicia. A pesar de non contar, por primeira vez, co financiamento da Deputación da Coruña, o Concello decidiu continuar co evento. Así, os produtos naturais, os máis innovadores, as terapias alternativas e as produtoras e produtores locais -das feiras do 8 e 22- encherán o Recinto Feiral Terra do Queixo.

As solicitudes para contar cun stand na IX edición da Feira Ecolóxica de Arzúa superaron en poucos días o límite de espazo físico do Recinto Feiral Terra do Queixo, o que asegura o “éxito” do evento, afirma o responsable de Culturactiva SCG, empresa xestora da Feira, Manuel Vicente. O público que asista terá ao seu dispór máis de trinta postos de diversos produtos e servizos naturais.


Malia a non contar co financiamento da Deputación da Coruña, este proxecto rexurde sen deixar de atender as tendencias actuais de consumo e produción. Deste xeito, a Feira ecolóxica de Arzúa contará por vez primeira cunha cervexa artesá entre os produtos expostos, ademais das catas e demostracións da elaboración doutros coma o queixo de cabra e, como en anteirores ocasións, tamén queixo de Arzúa ou o mel.

De novo, Arzúa será a capital galega da ecoloxía na terceira fin de semana de novembro. Punto de encontro de artesáns, consumidores, produtores e público, a Feira Ecolóxica arzuá converterase un ano máis no viveiro das últimas novidades e xeitos de vivir de forma máis respectuosa coa contorna e cos seus habitantes.

Deste xeito, unha ampla sección de alimentación ofrecerá produtos de apicultura, panadería-repostería ou o queixo, entre outros. Tamén estará presente o agro, a crianza natural, o comercio xusto, as plantas medicinais e aromaticas, a cosmética natural, e as bebidas, por só nomear algúns dos produtos e servizos dos que poder aprender e gozar na meirande feira ecolóxica de Galicia. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario